«As mulleres no mundo das TIC»
Con motivo do Día Internacional das Rapazas nas Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC), o CiTIUS abrirá mañá unha exposición no centro que repasa as contribucións das científicas e tecnólogas destacadas na historia para facer visible o seu legado e promover vocacións tecnolóxicas entre nenas e mulleres novas. A exposición estará aberta ao público de luns a venres de 10 a 15 horas e de 16 a 19 horas, ata o 31 de maio.
Un número cada vez menor de mulleres escolle estudos relacionados coa enxeñaría ou a informática nun mundo progresivamente máis tecnolóxico. Segundo o Ministerio de Educación e Formación Profesional, só representaban o 12,2% do alumnado matriculado na titulación de Informática ou o 28,4% dos graos en Enxeñaría, Industria e Construción (estes dous datos corresponden ao curso 2017-2018). Isto tradúcese en menos participación feminina nestas profesións e, en última instancia, nunha fenda dixital de xénero que exclúe ás mulleres de postos de traballo precisamente mellor pagados. Promover as vocacións tecnolóxicas entre as nenas e mulleres novas é esencial para lograr unha sociedade máis igualitaria e, con este obxectivo, o CiTIUS únese mañá ao Día Internacional das Rapazas nas Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC) coa exposición «As mulleres no mundo das TIC», que fai visible e pon en valor as enxeñeiras, científicas e tecnólogas cuxas invencións ten ou tiveron un papel destacado no desenvolvemento das TIC.
A exposición, que repasa algunhas das achegas realizadas ao longo da historia por distintas mulleres adiantadas o seu tempo, poderase visitar desde mañá ata o 31 de maio, de luns a venres de 10 a 15 h e de 16 a 19 h. Ao rematar, os centros educativos interesados poderán solicitar que a exposición se exhiba temporalmente nas súas instalacións. Asemade, os pósters estarán tamén dispoñibles próximamente na páxina web do CiTIUS para a súa descarga e impresión gratuíta, con fins educativos ou informativos.
As mulleres que compoñen a exposición son: Ada Lovelace, primeira programadora da historia; Roberta Williams, creadora da primeira aventura gráfica; Ángela Ruiz Robles, precursora do libro electrónico; Katherine Johnson, calculadora da NASA responsable da traxectoria do voo do primeiro estadounidense no espazo; Frances E. Allen, primeira muller en gañar o Premio Turing, o Nobel da computadora; Ana María Prieto López, pioneira galega da programación en España, Hedy Lammar, co-inventora do sistema do espectro ensanchado, precursora do Wi-Fi; Grace Hopper, pioneira en linguaxes de programación e creadora do primeiro compilador; as programadoras do ENIAC, o primeiro ordenador de propósito xeral; e Joan Clarke, excepcional criptoanalista de mensaxes cifradas enviadas por submarinos alemáns durante a Segunda Guerra Mundial.